Entrevista publicada no xornal El Correo Galego a María Neira, unha das coordinadoras da nosa Oficina:
Traballadores e voluntarios da Oficina do Peregrino esfórzanse por recibir da mellor maneira posibles ós camiñantes que chegan a Compostela. Entre o 1 de xaneiro e o 5 de agosto, recibiron a compostela 105.359 persoas. En Radio Obradoiro, a coordinadora da oficina, María Neira, explica que no interese pola ruta xacobea teñen moito que ver "os libros publicados sobre o Camiño e a película `The Way´"
O tirón do Camiño de Santiago non ten discusión algunha. As cifras de peregrinos chegados a Compostela no que levamos de ano superan en máis de 6.000 ás de 2011, e tamén están por riba das do Ano Santo de 2004. Este luns, en Radio Obradoiro, a coordinadora da Oficina do Peregrino confirmaba que entre o 1 de xaneiro, e onte, 5 de agosto, recibiran a compostela 105.359 persoas.
Segundo María Neira, son dous os factores que poderían explicar en boa medida o interese crecente polas rutas xacobeas: "a publicación de varios libros sobre o Camiño de Santiago, e a película "The Way" de Emilio Estévez". Esta última, engadía, "fixo que se producira un incremento notable no número de peregrinos norteamericanos e procedentes de países de fala inglesa". Tamén lles chama a atención o aumento de camiñantes coreanos, debido neste caso "á publicación de varios libros escritos por unha surcoreana. Ademais, son peregrinos que veñen dende moito máis alá que 100 kilómetros, ó mellor dende Saint Jean de Pied de Port".
Os españois, recoñece Neira, somos un pouco máis vagos, "aínda que as cousas están cambiando". En xeral, "facemos o mínimo para recibir a compostela, 100 kilómetros, e a pé. Os holandeses e os alemáns, por exemplo, saen da porta da súa casa en bicicleta". O que é difícil é falar dun peregrino tipo porque "aparte de nacionalidades moi diversas, hai dende escolares que veñen co colexio, ata adolescentes, xubilados e familias". En agosto, explicaba, predominan os españois e os italianos. A motivación fundamental segue a ser a relixiosa.
O que máis lles chama a atención ós traballadores e voluntarios da Oficina do Peregrino é "a forza de vontade de moita xente". María Neira lembraba que a semana anterior ó 25 de xullo "recibín un pai de Sevilla que percorreu o Camiño de Santiago logo de facer un artiluxio para unir a súa bici á cadeira de rodas do seu fillo minusválido psíquico e físico. Ese mesmo día, unhas dúas horas despois, chegou un pai da República Checa, cre que procedente de Sarria, tirando da cadeira de rodas do seu fillo. Estas cousas fannos reflexionar". Recoñece que "é un traballo gratificante, e sempre tentamos recibir ós peregrinos dun xeito amable. Cando che din "grazas polo teu sorriso", un marcha contento para a casa e dúralle a felicidade varios días".